Outro Garañón... na Muralla?

Un pouco de historia

O Carril das Flores na confluencia coa Ronda da Muralla é un lugar de sumo valor histórico e arquitectónico para a cidade, punto de entrada a Lugo do Camiño Primitivo.

A Porta de San Pedro é unha das antigas portas de orixe romana que comunicaban a cidade co resto do imperio. Desde finais da Idade Media, nesta zona extramuros consolidouse un barrio con actividade comercial e hosteleira, con mesóns, tabernas e casas de postas.

As edificacións preexistentes na mazá xunto coas últimas derrubadas, que a propiedade permitiu que se convertesen en ruina coa permisividade de Patrimonio da Xunta e do Concello de Lugo, formaban un conxunto típico das arquitecturas tradicionais dos séculos XVIII e XIX. Eran casas de baixo e dúas ou baixo e tres plantas, que convivían en harmonía coa Muralla e co Camiño Primitivo.

Que supón o planeamento urbanístico aprobado polo Concello?

  • A ordenación do Concello para esta zona non é nada respectuosa coa Muralla e o Camiño Primitivo, estragándose a esencia deste espazo e o seu valor histórico e cultural, de xeito que o Concello de Lugo e Patrimonio da Xunta non están a protexer os citados bens, ao que están obrigados por lei e por ter sido declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.

  • Os edificios previstos superarían notablemente a altura da Muralla, afogándoa e empequenecéndoa -en detrimento do valor universal excepcional desta-, minguando a súa percepción desde a rúa San Roque e suprimindo a visión de Os Ancares, mencionada na declaración do conxunto histórico de Lugo de 1973.

  • Suporía o triunfo do interese privado da promotora (Hipólito S.L.) sobre o interese colectivo da cidadanía de Lugo.

  • Alcanzaríase unha altura de seis plantas nas frontes á rua San Roque e ao Camiño Primitivo, maior que a permitida polo PEPRI noutras edificacions que arrodean a Muralla.

  • Anteporíase o tráfico rodado no Camiño Primitivo ao respecto e posta en valor do mesmo, converténdoo nun novo carril para o acceso de vehículos aos garaxes dos futuros edificios e ao aparcadoiro do supermercado existente ao seu carón, aumentando a intensidade do tráfico e dificultando o uso peonil tradicional como vía de peregrinación.

  • Desvirtuaríase esta vía histórica á súa chegada á Muralla, quedando flanqueada por dous muros e aumentaría a pendente do Carril das Flores ou Camiño Primitivo, dificultando camiñar por el e xerando riscos de accidentes.

Cartel de mesa redonda celebrada o pasado 14 de xuño, no auditorio do Vello Cárcere